A Manaus (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/09/2000)

Vinte e seis horas desde A Coruña a Manaus, capital da Amazonia. Voando só quince. As outras, nos aeroportos. Pero con xornais, revistas, ordenador portátil e teléfono móbil. E mesmo compañeiros de excepción.
En Barajas, logo de ter escrito un artigo, consultado as caixas de correo electrónico e enviado por ese medio varias notas aos colegas, atopo a Margarita Ledo, Xosé López e Xosé Antonio Neira Cruz. Seguiremos xuntos a Manaus…
Os brasileiros son amables, a súa fala reflicte esa amabilidade, unha elegancia que para si quixeran os odiadores do galego matricial, culpable do portugués.
Amablemente entramos na inmensidade brasileira e ímola atravesando. No treito final, o ollo procura xeografías próximas ao ecuador. A selva, entre nubes, é coma unha pel de ovella tinxida de verde. Os ríos que a abren, como veas de sangue acastañado, vermello, negro. A Ledo sorpréndese. Eu fálolle do xa visto nas Américas; anúnciolle o que imos ver en Manaus: como se xuntan as augas de distintas cores para constituíren o Amazonas final.
Sempre lembrarei a conversa, asociada á visión dunha selva que van queimando, lume a lume, ata o horizonte. Margarita é da miña xeración de fracasados, dos que soñaron unha Galicia da “nova canción” que non será, porque nela non fica quen cante.
Nunca esquecerei o que falamos, a galería de persoas á que han facer xustiza os narradores co poder do que carecen os xornalistas: o de converteren a intrahistoria en historia fabulada, que explica os porqués de triunfos e desastres.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/09/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*