Alcólicos (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/09/2000)

Hai un tipo de alcólico ben aceptado na sociedade que, sen embargo, provoca un grande gasto social, por diversas causas, pero, principalmente, por accidentes de estrada e por enfermidades propias. Trátase do home de negocios.
Adoita ser corentón ou cincuentón xa, ben vestido, xovial, falangueiro, vendedor… Mesmo lle vende á muller propia o de “Non sabes ti canto marisco teño eu que comer para poder traer as patacas á casa”.
Este personaxe comeza a sentir o formigueo á media mañá, hora de botar a cervexa, o que fai en canto trata asuntos de empresa con algún compañeiro.
Despois diríxese a un restaurante para o xantar –de traballo, sempre– cos clientes.
Alí pide unha cervexiña (ten a gorxa seca por culpa do tabaco), mentres selecciona comida e bebida na carta. E come gustosamente, encoraxándose na negociación segundo baixan as botellas de branco cos entrantes, e de tinto co prato principal.
Rematado o xantar, ten varias opcións: os chupitos, certas combinacións de refresco e licor ou, finalmente, a máis sincera: o whisky en copa grande.
Os restaurantes xa teñen o modelo de “copa balón” que permite disimular con pedras de xeo a cantidade do escocés da sobremesa…
Nesas condicións alcólicas o noso personaxe abandona o restaurante e bótase á estrada, onde non sente ben o pé sobre o acelerador; ou retorna ao escritorio, onde as neuronas se lle negan a procesar sen esforzo.
Así un e outro día. Ata que ocorre o accidente; ou ata que as vísceras inician un proceso de queixa que se chama vellez prematura.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/09/2000]

Share

Deixar unha resposta