A estatua (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/09/2000)

Se cadra é simple coincidencia no tempo, pero, cando se van cumprir os vintecinco anos do pasamento do xeneralísimo de Terra, Mar (quen lle dera) e Aire (porque montou no Dragon Rapide), fálase de construír un estacionamento e de moverlle a estatua.
Hoxe, e desde hai moitos anos, a estatua ecuestre de Franco na praza de España de Ferrol é unha referencia xeográfica e turística. Para indicar unha dirección, dinse frases como: “Pasas o cabalo e viras á dereita…”.
Ben. Sendo próxima a fin, fagamos historia:
Aquilo, queridos rapaces do bacharelato sen reválidas, éravos a Porta Nova pola que entraban os tranvías navegando sobre raís ondulados, case marítimos, desde a estrada “de Castilla”. Entón converteuse en Praza de España, sen moito convencemento dos veciños, que seguían a chamala como antano. Tiña adoquíns pero tamén tiña leiras, onde iamos xogar os fillos dos primeiros veciños.
No medio había unha fonte redonda e sinxela, baixiña, que non chamaba a atención dos visitantes.
E para ese punto foi onde se ideou a estatua do caudillo invicto, cabaleiro nunha besta poderosa.
Fundiuse o bronce e alá quedou, cando os nenos da praza núa entrabamos na mocidade.
Morreu Cerillita (perdón, señores nostálxicos) e metéronlle unha bombiñas caseiras ao monumento.
Que resistiu –ata que entren as máquinas da constructora.
Daquela, cando o guindastre comece a levantar cabalo e cabaleiro, será o momento de ver. Todos quererán contemplar o feito. Se cadra, mesmo aparece a CNN.
Eu espero non ter que andar de viaxe.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/09/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*