Indocumentados (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/09/2000)

Volve á actualidade a cuestión dos vehículos sen póliza de seguro, e un pregúntase ata que punto España é un país desordenado, abeirado ao terceiromundismo do que coidamos ternos afastado hai moito.
Sen embargo niso España vai mal, don José María: non hai cruzamento de datos entre os ordenadores da Dirección Xeral de Tráfico e os das compañías aseguradoras; e a policía non executa comprobacións polas estradas.
Entre outras razóns porque, como me argumentaba un garda civil, se lle confiscan o coche sen papeis a calquera feirante, por trinta mil pesos consegue outro e segue a delinquir.
Isto díxomo intervindo nun atestado á miña petición.
A historia foi que un señor maior saltou unha indicación de STOP (que pailanada, por certo, non pór a cousa en lingua latina: PARE) e unha liña continua cando pasaba eu co meu coche. Batín nel e o vello aínda me botaba as culpas.
O máis curioso do accidente foi que, ao pouco, se presentou unha dama cuns papeis que entregou ao accidentado, quen tirou da carteira un feixe de billetes de dez mil pesetas.
O bo do garda civil explicoume a escena: “Vostede tivo sorte –dixo–, porque ese paisano é solvente. Mire: trouxéronlle unha póliza”.
Este profesional do tráfico engadiu un consello: ter sempre seguro a todo risco, mesmo con franquía, porque por España circula máis de millón e medio de vehículos sen documentos. Se calquera deles peta no coche propio, asegurado só a terceiros…
O civil concluíu que o seu soldo non daba para ter o coche co nivel de aseguramento que recomendaba.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/09/2000]

Share

Deixar unha resposta