Volta atrás (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/09/2000)

Desde a primeira hora da mañá, xornais e radio bombardean coa suba dos prezos do petróleo e os seus derivados. Os agricultores protestan, braman os transportistas, os armadores ameazan co amarre definitivo e, por se fose pouco, a cousa tocou no pan de cada día: os panadeiros din que haberá suba, porque lles sobe a enerxía para enfornar e transportar os bolos.
Un amigo que traballa en Repsol-YPF —deostada empresa, acusada de oligopolizar todo— insiste en que a Boliña Azul contén reservas de petróleo dabondo como para morrermos sen termos visto a grande catástrofe da falta de combustible.
Falamos da súa visita aos campos petrolíferos da Patagonia, nos que o gas natural se “ventea” para que o petróleo saia mellor; comenta que queda gas no mundo —moito máis ca petróleo— ata a fin da nosa civilización; e anuncia procedementos para fabricar gasolinas a partir de tanto gas.
Por outro lado, ándannos a asustar co derretemento do casco de xeo polar e as consecuencias que iso vai ter, todo por culpa da teima estúpida de andarmos viaxando a conta do petróleo que se queima. E, se nos pomos a pensar na cousa, logo veñen os arrepíos.
No entanto, nada se fala da fusión nuclear; e da fisión escapa a xente, como o gato escaldado da auga fría.
Hai confusión neste vivir cotián tan agarrado ao volante e á panca de cambios. E xorde a tentación de imaxinarmos unha volta atrás, ao mundo do comezo deste século, movido a vela e carbón, coas cidades a cheiraren a bosta de cabalo…
¿Vivían tan mal os nosos avós?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/09/2000]

Share

Deixar unha resposta