Torpezas (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/09/2000)

Coma un pesadelo volve á miña memoria un accidente. Era día de calor, neste agosto pasado, e baixaba eu do Alvedro nun taxi. Viña de lonxe, de combinar voos, coa mente chea de imaxes exóticas.
O taxista foi entrando por paisaxes urbanas arquicoñecidas, ás que non concedín importancia. Ata que paramos nun semáforo e, de súpeto, todo mudou para min. O que importaba era o inmediato.
Presentín o que ía suceder, e sucedeu.
Pola avenida, abeirado á dereita baixaba un rapazote nunha taboíña con rodas. Paralelo a el, á súa esquerda, viña un coche, con dereito a virar para a dereita. Como fixo.
O rapaz tropezou co vehículo e saíu polo aire ata se esnafrar na beirarrúa contraria ao punto da colisión.
Alá quedou, inmóbil, de bruzos, uns fíos de sangue a encheren o pavimento.
Dentro do coche no que batera ficaban un señor e unha señora maiores, incapaces de reaccionar. Non debían comprender o que lles acontecera.
O taxista e eu decatámonos de que a roda dianteira dereita do coche estaba apoiada na taboíña do patinador insensato. Aquel era o mellor argumento de defensa para o conductor, e tememos a seguinte torpeza; que podía acontecer e aconteceu:
O ancián empeñouse en mover o coche, parado na esquina; liberou o trebello con rodiñas e destruíu a proba pouco antes de as sirenas anunciaren os servicios de policía e ambulancia…
Cando cheguei á casa, con algo de fame, fun cortar unha lasca ao xamón. Distraído a cavilar no accidente, metín o gume nun dedo.
Sangrei. Precisei de cura.
Foi a terceira torpeza da secuencia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/09/2000]

Share

Deixar unha resposta