Urbanidade (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/08/2000)

É tópica a idea do autor italiano que recomendaba comer como se realizan outras funcións fisiolóxicas, en privado, para ocultar a animalidade do acto.
Pero o comer converteuse en función social desde que os humanos son xente, o cal obriga a gardar formas de “urbanidade”.
Fálase de urbanidade en contraposición da rusticidade, por supor falsamente que todos os rústicos son groseiros.
Onte, nun restaurante, vivín o meu xantar con distracción porque en mesa próxima había dúas mozas urbanas a devoraren pratos sucesivos coa ansia de quen teme que lle leven a bandexa.
Mantiñan a cadeira afastada da mesa, o que as obrigaba a se deitaren sobre a comida. Apoiaban os cóbados no mantel e, a falta de distancia entre mans e manxar, máis esgazaban ca cortaban o que ían introducindo na boca indistintamente con garfo, pa de peixe ou coitelo.
Nalgún momento de gozo manxatorio aínda empurraban o anaco co polgar contra o garfo. Non chupaban os dedos de casualidade e nunca limpaban a boca antes de beberen. Deixaran a servilleta enriba da mesa e, durante unha gargallada, a unha delas caeulle no vestido, sobre as pernas, o prebe que lle escorría dos cubertos –simplemente porque non se protexera con aquel pano humilde e útil.
A escena de inconveniencias contemplada lembroume outra moza basta que, ceando fóra do seu ambiente, preguntou se “a educación permite coller o polo coas mans”.
A educación non sei o que permitirá; pero a racionalidade en que se basea a urbanidade é a que rexe os detalles da mínima elegancia na mesa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/08/2000]

Share

Deixar unha resposta