Al Andalus (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/08/2000)

Teño un curmán andaluz, de apelidos toponímicos (un deles, galego). Profesor de Historia en Granada, dá visións de Al Andalus e da Península Ibérica con verba fluente, enxoiada de perlas lingüísticas árabes.
Recentemente faloume das súas históricas paixóns, e bebín do discurso que os árabes de España serían aínda menos cós celtas de Galicia; que os bérberes e outros mouros africanos, en sucesivas invasións, non darían nin para encheren unha cidade medieval. Por tanto, que a cuestión “racial” do sur español é mito.
Os muladís foron os conversos ao Islam, pero non moitos. Maioría eran os cristiáns mozárabes, que pagaban tributos aos musulmáns. A sociedade de Al Andalus era multicultural e multiglósica. O árabe, a “lingua A” do sistema; o romance, a “fala B”, patois arabizado.
Nunca tanta cultura, de Letras e de Ciencias, se expresou en árabe como na Córdoba das glorias mahometanas. Xamais o mundo islámico sería tan culto, tan tolerante.
E todo acabou, con Granada. Ficarían os mouriscos, ameazados coa cruz en alto, e finalmente expulsos dos seus reductos mediterráneos…
De árabe verdadeiro aquí non quedou nada, nin de xenética, nin de entendemento. De mouro, pouquísimo. Andalucía é a maior rexión da Castela –tan castelá coma a Cantabria…
Hai tempo, un artigo dunha revista galega sentenciaba que a cultura árabe só foi grande en España. Profesores de Compostela, serviciais dun islamita da Terra Santa cristiá, chamaron ignorante ao autor.
Daquela o autor calou. Pero agora vén de falar co seu primo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/08/2000]

Share

Deixar unha resposta