Noite eumesa (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/08/2000)

Case poderían parodiarse os versos referentes a Pontevedra: “Pontedeume é boa vila, dá de beber a quen pasa…”.
Hai días houbo unha festa familiar nas proximidades da vila dos Andrade á que asistía unha señora de oitenta e seis anos que, ao comezo da madrugada, pediu que a levasen para a casa.
Mora ela nestes días de verán xunto da igrexa das Virtudes, nunha rúa que remata en escaleira. Dado que sería incapaz de subir os chanzos de granito de fronte ao adro, conducírona en coche un fillo e un xenro, dispostos a deixárena á porta da casa, o cal implica avanzar por rúas “movidas”.
Viaxaba a dama ao lado do conductor e, logo de entrar en territorio sen lei, comezaron para ela intres de angustia, e de preocupación grave para os seus acompañantes:
Unha grea de lercháns dos dous sexos enchía o vía curdis de falta de respecto polos maiores. Os mozos non se afastaban ao paso lento do vehículo. Facían acenos groseiros e pronunciaban imprecacións que encherían de vergoña e abafo os rostros dos seus avós, e quizais dos pais que non os souberon educar.
Tres veces terían que saír do coche os acompañantes da señora para despexaren o camiño, que a covardía masiva dos bébedos impedía abrir —ata veren dous homes chantados de fronte.
Daquela cedían o paso, pero, ás agachadas, colocaban botellas baixo as rodas do coche, na esperanza de que, ao estalaren, os vidros cortasen os pneumáticos…
En fin: calcule o concello da turística vila as grandes vantaxes da súa hospitalidade. E cavile casos de maior emerxencia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/08/2000]

Share

Deixar unha resposta