No Sergas (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/08/2000)

O ambulatorio coruñés de San Xosé é para min unha referencia de vintecinco anos: alí me atendeu o médico de cabeceira e mais, nos tempos da electromedicina, fixen diferentes traballos.
Había moito que non aparecera por ese centro sanitario e lembrábao como algo agrisallado, escuro, lento no burocrático.
Pero desta volta todo foi diferente: o día anterior pedín cita. Cheguei ao fío da hora e vinme nun ambiente de pisos relucentes, aceiros vistosos, xanelas amplas, madeiras vernizadas, luz e eficacia.
Déronme un número, sentei nunha sala e comprobei que en dúas paredes enfrontadas había un dispositivo electrónico a casar números de cliente e consulta.
Tentei repasar a miña axenda de traballo para o día mais a penas tiven vagar para facelo, porque logo se producía a coincidencia de números que me afectaba.
Entrei na consulta, expliquei as miñas necesidades e a médica que me atendeu fíxoo expeditivamente. A vella Seguridade Social cambiara de mans e velaí a eficiencia do sistema: isto era cousa da Administración Galega…
Só me ficou unha queixa: malia os sonoros apelidos galegos das persoas que me atenderon, estas non me respondían na lingua patrimonial.
A diglossia tremens é o maior mal de Galicia: o autodesprezo leva o país á destrucción. Sendo un problema de saúde mental colectiva, quizais o Consello da Xunta debería pensar en mudar de departamento a política lingüística.
Sanidade, que tan ben manexa o Sergas, podería asumir a cuestión. Comezando por dar exemplo desde mostradores e mesas de consulta.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/08/2000]

Share

Deixar unha resposta