Paloma (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/08/2000)

Este día, nun restaurante ferrolán, xantaba eu cuns colegas telemáticos máis novos ca min (algún deles, exalumno), cando reparei nunha moza trintaneira que levaba un bolso a xeito de mochila.
A visión fíxome lembrar un caso da Habana: o dunha turista con bolso dese tipo caprichoso, derrubada de bruzos por dous ladróns que, de tal xeito, llo deron arrincado.
A víctima berraba “¡Hijos de puta, el pasaporte!”, e lamentaba a falta dunha riñonera.
Fixen este comentario aos meus convivas e, daquela, eles retrucaron con outros que demostraban un grande coñecemento da vida da comensal amochilada.
Preguntei se era do noso gremio e, con cara de espanto, ao unísono, exclamaron: “¡É a Paloma Lago!”.
Manifesta a miña ignorancia a cerca da criatura, explicáronme que é unha presentadora dunha cadea de televisión española…
Xa outra vez, andando eu de director técnico da CRTVG, coincidín nunha mesa de restaurante compostelán cunha dama loura de ollos azulóns e fala xermánica que me pareceu personaxe de filme de terror.
Ninguén ma presentou, falei con ela vaidades, souben que vivía por Málaga e, cando rematou o xantar e preguntei pola súa identidade, houbo quen ollou para min abraiado, dicindo: “¡É Gunilla von Bismarck!”.
O devandito suxíreme o comportamento de don Gabino, avó da miña sogra, quen, se non se interesaba por un artigo de xornal, facía reverencia, dicía “Usted perdone” e pasaba páxina.
Que me desculpen esas señoras —e outras— pero a penas vexo a televisión, e non leo revistas de rexouba sentimental.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*