Inútil! (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/08/2000)

O pasado día 18, como xa se noticiou, fixemos presentación en Ferrol de Agora xa foi, novela de Vicente Araguas.
Dixen daquela que todas as intrahistorias teñen dereito a formaren parte da Historia, porque a alimentan.
Animei o Araguas a seguir contando dos tristes anos 70 do noso fracaso político e intelectual, e —co permiso do señor director deste diario— pido á miña xeración que repase o esperpento final da dictadura e faga aflorar o que vivimos.
Pero, volvendo á intrahistoria, quixera contar algo do que aconteceu logo da presentación (coa testemuña excepcional dun xornalista literario: Antonio González Iturbe, da revista Qué leer).
Entre viños, o Araguas e o Xoán Rubia amoestáronme porque ando a mallar no fútbol. O primeiro é futboleiro (léase a novela presentada) e o segundo ten un fillo futbolista.
Daquela relatei que hai días, na praza da Cubela coruñesa, un señor todo digno e setentón berroume “Inútil!” e, ante a miña cara de abraio, seguiu: “Como te atreves a escribir contra o fútbol?”.
Non lle respondín a quen supoño lector e podería ser meu pai; e agora fágoo para el e mais para os amigos da alma:
Como di o tango, o fútbol é “un atentado a la razón”: un divertimento que debería ser resultado dos excedentes económicos do sistema productivo, converteuse en industria, xeradora de excedentes —e capaz de xerar grandes desequilibrios en caso de quebra.
Discútamo quen queira… e non entremos en se a min me parece algo tan aburrido como, por exemplo, o xadrez ou as cartas.
Iso xa é cousa de gustos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/08/2000]

Share

One Comment

Deixar unha resposta