Chafalladas (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/08/2000)

Na espera de novas veraces —que nunca han ser rusas senón americanas e publicadas en TIME— o que aconteceu co submarino Kursk de propulsión atómica parece unha inmensa chafallada, coma outras cousas dos rusos.
Verdade é que o autor destas notas a voapluma pouca relación chegou a ter con dispositivos e máquinas de fabricación “soviética” pero, por pouca que fose, non deixou de impresionalo en cada ocasión.
Unha delas foi a de voar nun avión Iliuxin de pasaxeiros: tanto plástico dexenerado, esnaquizado ou en estado de quebrar cun bufido; tanto parafuso fóra do sitio e tanta soldadura á vista, alén da ferruxe que se vía nos planos de sustentación… Tanto… En fin, que a xente afeita a voar cos ollos pechados aquel voo causou algo máis ca receo: temor.
Temor que se confirmou: ao seguinte voo, o aparello tivo que facer unha aterraxe de emerxencia e nunca máis volveu voar.
Outra ocasión foi científica: membros da Academia Rusa das Ciencias presentaron un sistema de exploración óptica capaz de penetrar nos tecidos vivos algún milímetro e dar información a nivel celular.
Os científicos que viñeran presentalo no Finis Terrae europeo tiñan un grande problema: falta de cartos para se manteren, para pagaren a gasolina (viaxaban en coche desde Moscova) e as peaxes de autoestrada…
Rusia (antiga URSS) é incomprensible, máxico-realista; e todo sería para admitir cun sorriso bonacheirón se non fose que esa xente anda a facer chafalladas que poden afectar o mundo todo.
Chernobyl é asunto obvio, que non se debe esquecer.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/08/2000]

Share

Deixar unha resposta