Impotencia (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/08/2000)

De novo, día de sol, aire fino que se intúe, bálsamo para as plantas. Ao volante do coche todo é ilusión de se perder polas congostras cabalgando, de procurar o mar aberto que hai despois do mato: do Prioriño ás Sisargas, todo o Arco Ártabro á vista.
E, de súpeto, o fume, que é coma o sangue: alarma que obriga á preocupación.
Na uniformidade verde que cobre as lombas, xorde o fume. Fume denso, e flancos vaporosos: arde a madeira; a auga que zugaron durante anos os eucaliptos volve á atmosfera que llela entregou nube a nube.
Espectáculo sinistro, que convida o patrulleiro voluntario a unha comprobación. Daquela, na vez de arrear a egua e saír cara á costa, outra idea: dar voltas no picadeiro amplo, ao sol.
Pasa media hora antes do funguido que indica a presencia dos helicópteros; e velos aí xa, con cadansúa bolsa a sobrevoaren o lume.
De cando en cando afástanse do incendio e desaparecen á procura de auga. Dan unha sensación penosa, de impotencia: libeliñas miúdas sobre os curutos que arden e arden, e van ancheando no horizonte con perverso poder.
Pasa unha hora e alá seguen, máquinas e pilotos, gastando os caudais, sometidos a gravísimos riscos.
No entanto, os incendiarios xa foron á misa, falaron no adro cos veciños, e miran de gastaren o xusto nas tapas de callos con pata e de fabas con tripa que corresponden á santificación do día feriado…
Pasarían moitas máis horas e ao final da xornada, unha noticia estatística e vulgar: arderon dez hectáreas de bosque en Arteixo.
E, logo do verán, virá o outono.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*