Patrullas (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/08/2000)

O día é de orballo tenro. O millo está altísimo e as súas follas recollen as pinguiñas que bebe o chan agostado. Polas follas das árbores tamén escorre a humidade.
Linda visión do mundo rústico desde a altura da sela. Nada coma contemplar as cousas a cabalo, coa velocidade que supera a marcha a pé e coa capacidade de chegar doadamente a onde só chegarían motos ruidosas. Non hai coche que acceda a onde o cabalo, nin posibilidade de ver desde un helicóptero o que así, cabaleiramente, se ve…
Vense montes queimados en días de sol e vento, terrorismo de “baixa intensidade” en versión galega, pero con abrasivas consecuencias.
Todos os veráns acontece o mesmo en Galicia; e, cada vez que os medios de comunicación nos mostran a dificultade de loitar contra o lume, volve á cabeza do xinete habitual a necesidade de patrullar intensamente, día e noite, por eses espacios que dan vida física e espiritual ao país das fragas.
Se non se quere que actúen os malfeitores, cómpre vixiar. E para vixiar non hai mellor medio ca voltar ao que parece unha antigüidade desprezable: a cabalería.
Os cabalos, señores, non só nos levan de un lado para outro polas espesuras do bosque, mellor cá moto que non sabe abrir toxos co peito. Alén diso, son animais sensitivos, tanto coma os cans, capaces de cheiraren a presencia de quen se oculte cos instrumentos de prender lume; e de perseguilo coa ameaza dos cascos.
En Galicia, con tanto cabalo no monte, faltan cabalos para coidar do seu hábitat.
Un paradoxo máis deste eterno Impaís.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*