Pontevedra (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/08/2000)

Pontevedra foi porto de mar e orixe de aventuras americanas ben historiadas.
Foi vila importante, do que dá testemuño un barrio vello superior en beleza aos dos outros burgos señoriais de Galicia. Foi fondamente galega. Aínda nos tempos do padre Sarmiento tiña ese carácter.
Pero xa entrados os pontevedreses na idade contemporánea, por algunha razón que non albisca este cronista, convertérona en centro difusor de elementos culturais alleos, capitaliña da colonización, virada aos trajes de luces, ás peinetas e ás mantillas: a todo aquilo que un español austero rexeita con vergoña da “Historia Nacional”…
Hoxe a boa vila ten case oitenta mil habitantes e vive liortas intestinas alimentadas por medios de comunicación con ganas de venderen morbo pailán. Diríase que tres partidos políticos andasen á greña por asuntos tan transcendentes coma o reparto de entradas gratuítas aos touros, a elección de raíñas virxes, a presencia do rexedor en actos empeinetados, etcétera.
No entanto, entre incendios e festa rachada, cando estouran os sanroques, a cidade do Lérez segue a verter as súas dexeccións ao río, e á ría que din estragada pola industria.
Silencio. Un silencio fecal e inmenso contamina as belezas que frei Martín soñaba na corte borbónica e madrileña. Nese punto calan comentaristas políticos e peñas taurinas, señoritos de casino e beatas en confraría.
Só o alcalde (¿qué diaño importa a súa filiación?) súa a pensar en colectores e depuradoras: no que non se dá feito (para todos).
Se cadra, porque é médico.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*