Centenario (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/08/2000)

Hoxe, 16 de agosto do ano 2000, cúmprense os cen da morte de José Maria Eça de Queiroz, de quen non hai moito falabamos, por falarmos de Ernesto Guerra da Cal, quen lle estudiou vida e obra.
Cen anos van e non pasan as visións do home que se propuxera facer historia de Portugal en base a romances. Quen lea os volumes que foi publicando e pasee polos ambientes que describiu ha de ver cumprida non só a ambición que Eça declara mais, tamén, outros obxectivos. Entre eles, o de criticar as eternas miserias de todos os humanos.
A súa obra é coma as cebolas, feita por camadas. Calquera lector que a siga en calquera idioma xa irá satisfeito; pero a satisfacción ha de aumentar cos coñecementos previos do que le, ata chegar ás camadas interiores, ao lugar en que só falta pórlle nome real a cada personaxe retratado…
Cando un ve tanto papel impreso con tanto discurso pésimo, non pode evitar a tentación da relectura: reler a Eça. E fica coa pena grande de que a tuberculose o levase (como a tres irmáns e un fillo) na flor da vida para o traballo literario.
Cuba, Inglaterra e Francia foron os seus destinos consulares, que lle ficaron por retratar. Portugal consumiulle o tempo de creación.
Tivo sona e fama. Pero morreu insatisfeito, como fan os intelixentes. En carta de despedida a un amigo, aínda se permitiu unha humorada:
Lamenta non ter montado de mozo unha tenda de comestibles. A tal hora —cando a Parca xa o reclamaba— ía estar “gordo e sossegado, como o toucinho que cubriria o meu balcão”.
Sorte que errase carreira.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/08/2000]

Share

Deixar unha resposta