Gozos (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/08/2000)

Gozo dunha sesta ao sol, na rede que flanquea o bauprés do grande veleiro. O gume da proa fende o mar verde, que sangra escuma alba, e o mundo deixa de rolar.
Falo con Fernando Carrasco de praceres que non terei e el, piloto de avións que causan arrepío, ten a humildade de dicir que na cabina non se goza, que todo son estreituras…
A vida de pasaxeiro no Elcano é boa. A tripulación fai como debe: valer para todo. Vidas de mariños son así, e desta volta levan consigo grandes personaxes.
Elorriaga comenta que nunca preguntou cando lle ían pagar nos postos que foi aceptando. Agora está no Senado, e só se queixa de non ter secretaria.
Baón escribe a historia do Partido Popular, e consulta a Fraga. E de don Manuel fala, coas Américas de fondo –Cuba en particular.
Asunción, que fixo historia escura (Roldán ao fondo), cualifica os “parlamentos regionales” como “de la señorita Pepis”.
Máis prudentes ca o exministro son uns xenerais que revelan as necesidades de recursos técnicos e humanos dun exército moderno, destructor á distancia. Causa abraio e desacougo saber cantas persoas de soporte se necesitan para cada combatente. E o que custa un día de guerra…
Costas do Algarve: cantís, praias, poboacións brancas na lonxura. A bordo, música de banda, cea cordial. Cine en cuberta. Lúa a espellarse no mecurio ondexante.
A singradura remata na compañía de Nacho, home mozo, con fillos pequenos. Falamos de viaxes. Todos gozamos de viaxar —mesmo quen, coma el, ten que facelo a cotío nun carro de combate.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/08/2000]

Share

Deixar unha resposta