Terror (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/08/2000)

Rumbo ao sur, o sol reflectido nas velas brancas, o Elcano leva escolta brincallona. Veñen connosco os golfiños –pero, tamén, novas de terror.
Carlos Arruche é xeneral de Aviación, e cidadán preocupado pola política. Trae consigo un receptor que nos liga a Radio Nacional (a primeira emisión captada, en galego). A emisora bate nas consciencias xornada a xornada. As caras viran adustas.
Sobre cuberta hai sensación de mareo, de desnorteo: un grupo de vascos xúntase arredor dun patricio: é veciño do que asasinaran. Na camareta estala a ira do noso compañeiro guipuscoano contra “el reverendo Arzallus y su monaguillo lehendakari”. Describe o abraio de ver polas paredes da vila a propia cara marcada cunha diana, e sentencia: “Esto es una carlistada”…
Vendo grandes buques, fronte ás costas do feliz Portugal, os españois falan do que podería ser o mellor dos países. O terror leva á África próxima, e ao Islam. Arruche, que viviu tempo na Alxeria, mantén que nada hai tan tolerante coma un musulmán.
Imos logo ao Exipto, onde viviu Guillermo Muñoz-Delgado. O “terror islámico” é fillo da miseria, di. O integrismo pode ser ben católico. A loucura, de todos.
Pasan as horas en falarmos, en aprendermos uns dos outros. Nunca a Mariña fixo tanto pola cultura.
A lúa vai caendo, dividida e vermella, deixando un ronsel de sangue sobre o mar encalmado. Hai necesidade de chanza e Pedro Rivera, farmacéutico de moitas arrobas, da pé para ela coas boas noites:
Os gordos dan dous gustos ás mulleres: cando se deitan e cando se erguen.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/08/2000]

Share

Deixar unha resposta