No Elcano (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/08/2000)

Galicia era unha festa de sol. Na Escola Naval de Marín víanse mastros espidos de nave anacrónica e linda. No peirao, caras coñecidas de sempre; a bordo, faces popularizadas nos medios de comunicación: Gabriel Elorriaga, Rogelio Baón, Antoni Asunción sen barba…
O comandante do buque Juan Sebastián Elcano recibe os convidados, e mostra ledicia sincera ao recoñecer amigos.
A escada para a camareta é propia de mariños antigos, con axilidade simiesca. Ten catro camas en dúas alturas. Son compañeiros José Pedreño, químico cartaxeneiro, Fernando Carrasco, coronel do Aire estremeño, e un home de negocios vasco. En todos hai vontade de facilitar o convivio. O vasco ten un ventre anecdótico, polo que cómpre cederlle cama a rente do chan (non a que lle cadrara en sorte nun reparto sen ter en conta detalles de volume)…
Saímos coa marea, e o sol faise brasa redonda na illa de Ons. Despois é o alto mar, e o negrume; e o abanear constante que pon a proba os estómagos.
A cea é un primeiro encontro xeral de ideas na cámara de oficiais. A sobremesa, algo íntimo na cuberta: Pedreño é lector con vicio herdado de quen garda nove mil volumes nunha biblioteca. E ten vivencias únicas: da África profunda, onde traballou, en países que nin nome fixo teñen; e da Francia que goberna eses países.
O seu discurso flúe coma o río da vida. E ollamos o ceo na súa nudez esmagadora. A Vía Láctea nunca se viu tan vasta, alí, quieta malia o cabeceo do buque.
Nada hai coma a camaradaxe dos que se senten viaxar á luz tenue das estrelas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*