Coca (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/08/2000)

A unha moza vaille mal á saída do avión e os policías envíana ás urxencias do hospital máis próximo. Alí, os médicos alertados forzan a operación: os minutos son vitais.
Abren o estómago e comproban que unha das bolsas rebentou. A pasaxeira levaba trinta delas.
Así é: hai clientela para a cocaína, págase a prezo tan alto que dá para o máis grave risco.
Pero a coca non vai deixar de existir porque é algo bo, necesario para a vida no teito do mundo, no Altiplano da nación kolla.
Hai pouco sóubose que unha xerarquía máxima de España aceptara coca para andar por aqueles pagos, onde a respiración se esgota e o visitante precisa de concentrar a vontade en que os músculos do peito lle funcionen.
Foi escándalo para os que ignoran a diferencia entre a folliña elíptica, verde agrisallada, seca e dura, e o po branco que se consegue de procesar grandes cantidades dela…
A coca véndese en bolsiñas de plástico en calquera esquina. Os policías observan os compradores e soamente coidan de que non xunten máis de medio quilo.
O usuario da coca (todo o que sofre do mal das alturas) fai infusión, ou mete unha presadiña de follas na boca e forma o acullico, o bolo que insaliva e espreme apertando as mandíbulas con xeito.
Para aumentar o efecto, se ten posibles, compra bicarbonato na farmacia. Se non os ten, toma cinsas do lume. E segue a carrexar a alma entre llamas e cactos baixo a mirada eterna da Inti, o deus sol.
Nada diso ten que ver coa liña de po branco que se inspira na discoteca e mata pasaxeiros iberoamericanos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*