Papaventos (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/08/2000)

Día de verán glorioso. Xantar espléndido, híbrido: galega empanada de bacallao con pasas e churrasco á crioula. Viño da Mancha (que para algo ha de valer a dobre nacionalidade). Despois baño e paseo. Todo en Valdoviño.
Camiñando polo areal con Roberto Amado —que ensina a facer do fútbol un deporte—, sol, ceo luminoso, mar fulxente; e, de súpeto, o espectáculo que obriga a deterse, a ollar, a admirar as habelencias dun home:
Ten nas mans unha barra guiadora da que parten dous fíos por cada extremo. Eses fíos son a liña de unión da barra con dous elementos coma planos de sustentación de pequeno tamaño: aíñas de parapente dun metro de envergadura e medio de ancho, separadas medio metro entre elas.
Unha é amarela e outra branca, e o artista da aerodinámica fainas mover con axuda do vento xeneroso da Frouxeira: soben, baixan, fican paradas ou precipítanse, pasan arrente do areal cun emocionante funguido…
Imaxe bela que interrompe a conversa; que deixa prendida unha idea de hai tempo:
Debeu ser no National Geographic onde aparecía publicada a investigación que levaban adiante uns americanos, deses que todo descobren. Tratábase de demostrar que, con lona e cordas, e xeito para as gobernar, un papavento de tamaño suficiente é válido para mover os maiores vultos.
A tese dos investigadores ianquis é que as pedras das pirámides de Exipto foron movidas así, non a forza músculo e vergallo.
Curiosamente, o Roberto falara de industrias da pedra na zona, tan ventosa. Non sería malo facer algún experimento.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/08/2000]

Share

Deixar unha resposta