Adriana (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/08/2000)

Adriana é nome clásico, imperial, e suxire ambicións famosas.
A Adriana deste conto é mexicana de apelido claramente español: Abascal.
Ela é a culpable de todo, mesmo da súa beleza.
Juan Villalonga levaba anos -seica vinte- casado con dona Concha Tallada (de cortante apelido, señora normal, tanto coma a súa amiga dona Ana Botella, a do sobrenome vidroso) ata que no seu rumbo burgués cortou proa a mexicana espléndida.
As coordenadas dese avistamento foron as de non retornar. Porque a cousa seguiu. Nas fotos dunha xunta de accionistas, alá estaban ela e a súa mai, á beira da mai de Juan: a cousa non era brincadeira, logo.
E non o foi. Porque Juan, home de peso, en óso, músculo e panículo (as contas correntes non pesan: son só bits en memoria de ordenador de banco), fixo cría en Adriana: teñen unha filliña, que naceu onde nacen os rebentos do Julio Iglesias e da Gloria Estefan, os -como di TIME– “Spanish-speaking jetsetters” de Miami.
Juan medrou tanto, fixo unha macroempresa (con setenta unidades de negocio) tan poderosa que todo lle ía ficando pequeno; e queda por saber das conversas na cama coa bela Adriana: “Máis, e máis, e máis…”.
Máis. Din que coma o Conde, pero o Conde non repudiou a perpetua, que se cadra lle dicía “Menos, Mario, menos…”. E seguen as diferencias: Juan fixo medrar a Telefónica. Mario só encheu o peto.
Aínda así, a clave do acontecido é o culto a Venus:
Femias e varóns, ministros ou colaboradores queimados, todos, xuntaron ciumes e envexas para acabaren co grande trunfo de Juan.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/08/2000]

Share

Deixar unha resposta