Tertulias (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/08/2000)

Feira do libro da Coruña, un lindo foro: é a mellor das de Galicia segundo din os libreiros e os escritores poden comprobar.
Días atrás cumpriuse o rito da sinatura de libros e da mesa redonda sobre algo específico. Houbo público dabondo para todo e, ao remate do acto na carpa branca que reclama paseantes, impúxose o paseo por onde a xente vai.
Nun mesón de rúa buliciosa fíxose tertulia sobre as tertulias. Presidía Manuel María, quen sofre do mal da popularidade con poética paciencia e xenerosidade fidalga.
Confesou ter faladoiro en cafetería de sona no Paseo da Mariña: un milagre, porque hoxe tales xuntanzas son imposibles.
Tempo atrás, cando a vida acontecía sen televisión, a xente reuníase nos cafés para arranxar o mundo. Había elencos tertulianos duns quince personaxes que non sempre asistían polo xunto. Entre eles, algunha figura constante e imprescindible e, xunto dela, con alternancias, media ducia máis.
Distinguíanse as tertulias pola variedade de profesións dos seus membros e pola vontade de transmitir coñecemento evitando a crítica destructiva.
Con memoria que abraia, Manuel María repasou as de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Ourense, Pontevedra e Vigo: resumo da mellor Galicia dos tempos do silencio intelectual, da longa noite de pedra.
¿E por que non hai tertulias hoxe?
Non ha ser por culpa do televisor, porque os que poderían entrar en conversa fina non perden o tempo ollando por ese periscopio estupidizante.
A razón debe estar en que todos lle temos medo ao tempo –que “se perde” a falar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*