Warnest (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/08/2000)

Cun concurso de ensaio, Portugal recoñece oficialmente a importancia dun suxeito chamado Ernesto Guerra da Cal e inscrito na partida de nacemento como Ernesto Pérez Güerra. Foi profesor por mundos cultos e tivo residencia varia, desde Ferrol, que lle deu a luz dos ollos luminosos, ata o Estoril pasando por Nova York.
Era varón de beleza notoria, peito botado para diante, caracois de ouro no cabelo, e un fulgor claro de ollos.
Amárono varóns e mulleres; e el tamén amou ao seu xeito.
Tivo amor desmedido por Rosalía de Castro, á que lle corrixiu a lingua pobre, o patois en que se expresaba a coitada, inculta, toliña e xenial (palabras que podían ser de Ernesto, o ferrolán).
Reescribiu a obra de Rosalía en lingua universal, galaico-portuguesa, como a soñou valentemente (e probablemente en inglés).
Foi poeta, ou imitador de poetas. Tivo heterónimo —Warnest— e sempre foi fiel á Galicia das orixes.
Pero os portugueses non fan homenaxe ao nacionalista galego que non quería retornar á Matria para non sufrir vendo a desgaleguización do seu pobo.
Fanllo ao profesor universitario que desde Nova York e para o mundo gritou que José Maria Eça de Queiroz era un talento da prosa europea.
Neste ano 2000, tan redondo de número, cúmprense os cen da morte do autor de A Relíquia, O crime do Padre Amaro, Os Maias, O primo Bazílio
Quen queira ler esas obras en inglés procure nas coleccións da Pinguin.
Quen queira saber o porqué desas traduccións pense nun filólogo de Ferrol que morreu sendo cidadán norteamericano.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/08/2000]

Share

Deixar unha resposta