Gordura (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/08/2000)

Nada coma o pracer de dividir a xornada de traballo cun bo baño en augas limpas. Da Cabana a Cariño de Ferrol hai dez minutos de viaxe en coche; e, alí, unha visión distinta da Coruña, presidida pola valentía vertical da Torre de Hércules que ningún monolito milenario poderá superar. Vese a cidade tan preto que dan ganas de saír a nado, e nadar, e nadar… ata chegar á praia de Oza.
En Cariño, os xornais do día din que o mundo non ten arranxo. Que os humanos temos pouca memoria; que as cousas do pasado son do presente en diferente versión…
Descanso de vista, de tanto labor sobre letra pequena (e non se le nin a décima parte do escrito). Os ollos pasean polo areal e fíxanse nos personaxes que o enchen de cor e voces.
Cabe unha estatística sobre o peso dos bañistas: hai nenos pequerrechos gordiños; mozos e mozas aos que lles sobra peso; homes e mulleres que traen recordos porcinos e vacúns. Dunha pequena mostra de xente quitamos a impresión de que sobra graxa dabondo.
Terrible sería a mostra en calquera praia dos Estados Unidos, onde a obesidade crea monstros; pero entre nós tampouco hai queixa: cómese de máis –como de menos comen todos eses africanos que nin forzas teñen para chegar á beira do Estreito; e menos para cruzalo a nado, que sería a solución…
Con todo, hai tipos lindos, e vale apostar: a media de corpos xeitosos nunha praíña galega supera con moito a dunha grande praia brasileira.
O das garotas é fábula: hainas belísimas, si, pero entre infinitas cantidades de matronas celulíticas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*