Toureiros (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/08/2000)

Comeza a “temporada taurina de La Coruña” e os artistas do traje de luces son recibidos cunha pancartiña nun paso elevado da avenida de Lavedra: “Toureiros fóra. Matar non é unha arte”.
Ben, iso de que matar non é arte depende de puntos de vista. No partido de Moreno, provincia de Buenos Aires, hai un lugar no que se recibe a xente cun arco a pregoar “Bienvenidos a Pontevedra”.
Nesa Pontevedra hai un matadoiro no que se ultiman touriños segundo o ritual xudeu ortodoxo. Quen non teña reparos a un espectáculo morboso, vaia alá e vexa as habelencias dos matachíns con levita e puñal prateado…
Matar pode ter arte —como ten técnica, na cadeira eléctrica ou na cámara de gas.
Matar é oficio, que aínda mantén familias.
Pero a clave do asunto taurino tal vez non estea en que se martiricen bovinos na area dunha praza senón en que a festa dos touros ten os seus lugares propios, o seu tipismo, que non encaixa para nada no contexto cultural de Galicia: aquí non hai “sol y moscas a las cinco de la tarde”.
E, aínda máis, as touradas coruñesas fanse (por se chove) nun “coliseo” que resulta máis falso cós pesos de madeira para quen xa gozou de “la fiesta nacional” como mandan os canons.
Din os que botan as contas que “la temporada” dá perdas de vulto, que enxuga o Ayuntamiento de La Coruña. E cabe preguntarse o porqué de tal patrocinio.
Parecería que o concello estivese en perpetua campaña a favor do nacionalismo español de olés, mantillas e batas de cola.
Por fortuna, son máis os que entenden España doutro xeito.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*