Alcaldes (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/08/2000)

Chama Belarmino, o alcalde de Pontedeume, para agradecerme o ter feito desde estas columnas (“que che leo todos os días”) mención ao lugar onde casei, a capela eumesa das Virtudes —a moita honra, co Pepucho, o Xoán e demais gaiteiros da vila a ilustraren a cerimonia.
O alcalde do lugar onde tanto gocei, verán tras verán e visitas polo medio, dime que os máis eumeses son os casados nese templo da Virxe das Peras. Valla pois o sinal de identidade…
Cadaquén é de onde vai facendo vida. Por iso, tamén, me sinto moi de Arteixo, o concello que mellor coñezo na xeografía, logo dunha ducia de anos de percorrelo a lombo de besta, e de participar nos convites culturais que me foron facendo os seus alcaldes, Frutos e Manuel.
E que podo dicir de Ferrol, do que tanto sei como fun retratando novela tras novela; no que os últimos rexedores, Manolo, Xoán e Xaime, me deron trato de fillo propio da cidade sendo eu do aluvión.
Porque son de fóra, de lonxe, dunha Miguelturra manchega onde non fica a casa en que nacín — como me contou Román, o alcalde, cando tivo a xentileza de vir á celebración dun premio concedido a algo escrito por un natural do seu concello.
Diría que todos eles me van querendo: en Pontedeume, en Arteixo, en Ferrol, en Miguelturra…
Só me apena que o alcalde da cidade onde máis tempo residín —xa vintecinco anos— non me poida querer: persoas somos e, como tales, nos respectaremos. Pero ollámonos desde tan distantes galaxias do pensamento que toda onda cordial trocada entre nós chega fría a destino.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/08/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*