Macana (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/07/2000)

Nada coma o pracer da conversa con “gente da mesma igualha” segundo o dito popular dos portugueses: marabilla e prodixio o falarmos en sintonía con outros…
Antonio Campos Romay dirixiu a operación perfectamente. Os membros do Instituto de Estudios Políticos y Sociales traballaron arreo e souberon acertar, que é o que conta. Inaugurouse o ciclo de conferencias Galicia, Portal de América co embaixador de Bolivia, Enrique Toro Tejada.
Discurso e coloquio no castelo de Santa Cruz, pacificamente tomado polo alcalde de Oleiros a militares que o defendían con metralleta (¡Oh, España trasnoitada dos anos 80!); e, despois, cea no club financeiro coruñés.
Enrique Toro é un conversador xeitoso, capaz de multiplexar, de atender en multitarefa, como diriamos en termos telemáticos. Sabe satisfacer os interlocutores.
Por el se soubo da vida social dos embaixadores iberoamericanos en Madrid, das vantaxes de poder ler o que din os xornais de La Paz (vertidos en web) sete horas antes de que os lean os políticos bolivianos, das relacións cordiais de don Manuel na terra mítica do Potosí.
E falouse de Historia, de don Claudio Sánchez Albornoz, de republicanismo, federalismo e monarquía. O embaixador, exquisito como se lle supón ao oficio, contou da visita dos monarcas españois á Bolivia, que ilustrou cunha anécdota rotunda:
Seica unha cativiña, sobriña súa por sinal, saíu toda atristurada da visión dos reis de España. E queixouse con clareza:

“Qué macana, tío: no tienen corona”…
Vivir para oír. Gracias, embaixador.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/07/2000]

Share

Deixar unha resposta