Soldadores (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/07/2000)

Os directivos dunha empresa visitaban o laboratorio de técnicas da unión do Centro de Innovación e Servicios. Vendo o difícil das soldaduras, xurdiron varios comentarios sobre a responsabilidade de quen une metais “para sempre” nun buque, nun edificio ou nunha ponte.
O grupo detívose diante dun aparello de aceiro e vidro a xeito de acuario, con luvas de manga longa para meter mans e brazos. Tratábase dunha cela de adestramento para a soldadura baixo a auga.
Neste punto do percorrido alguén contou unha anécdota:
Días atrás ficara de se atopar cun dos seus fillos, rapaz novo que anunciara a súa chegada no coche dun amigo dos seus anos.
O pai esperaba velos aparecer en calquera cochiño deses que tiran o sono dos proxenitores, pero xurdiron nun espléndido coche sueco, de marca que tamén fai avións.
O amigo -explicou o fillo- gañaba moitos cartos honradamente, nun traballo especializado. Era soldador. Coñecía distintas técnicas de unión en atmosferas neutras e con arco mergullado.
Fixera a carreira de biólogo e, por cousas da acuicultura, foi dar na importancia dos contedores metálicos; e, destes, na de xuntar chapas.
Descuberta a escaseza de profesionais do soprete e do electrodo, inscribiuse en varios cursos e velaí que, coa súa formación universitaria, logo fixo a verdadeira carreira…
Seguiu a visita ao centro. E seguiron os comentos: seica en Galicia hai miles de universitarios en paro, pero faltan matriceiros, moldistas ou soldadores.
Pena que moitos parados non queiran seguir o digno exemplo dese biólogo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/07/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*