Concorde (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/07/2000)

O 25 de xullo do 2000 foi xornada de intensidade informativa non só para Galicia. O mundo viviu pendente do cumio palestino-israelí e do accidente aéreo de París. O propio Clinton, ao comparecer diante dos informadores en Camp David, tivo palabras de condolencia pola catástrofe do Concorde.
O proxecto Concorde foi clara mostra do que pode facer a cooperación entre países europeos. Definiu un concepto de viaxar, a grande velocidade e alto prezo, enfrontado ao que os norteamericanos impuxeron: a velocidade media e prezos populares.
Curiosamente, aquela vontade europea fructificou e, logo de trinta anos, os fabricantes de avións de pasaxe norteamericanos non están sos no mundo. Airbus rétaos continuamente e agora adianta os jumbos co superjumbo: ou sexa, co fillo maior do concepto imposto polos Estados Unidos…
Quen isto escribe tivo unha experiencia ilusionante: ver tomar terra o Concorde nunha amañecida de sol limpo que facía brillar a fuselaxe bicuda do avión-garza. Foi en 1977, nunha illa portuguesa no medio do Atlántico.
Pero os americanos non querían saber do avión de luxo e este pasado día aciago do accidente, vendo a máquina linda arder no seu propio combustible, a memoria íase ás imaxes do Hindenburg desfeito nunha bola de lume:
Estados Unidos non gustaba do invento alemán e aquela desgracia marcou a fin dos grandes dirixibles transoceánicos.
A de París pode tamén marcar a fin do atrevemento franco-británico. No día seguinte ao desastre do Concorde, a CNN xa o sentenciaba: “A bird in extinction”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/07/2000]

Share

Deixar unha resposta