No verán (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/07/2000)

Michael terá doce anos, loce guedellas longas e negras, un belo rostro de varonciño e un terrible aparello de ortodoncia.
É de Londres, está de vacacións na casa dos avós, “desde o 12 de xullo”, e anda felicísimo porque o seu amigo Iago é un tipo sortudo onde os haxa: o pai sabe a mazo de cabalos, ten unha chea deles e déixalle a cadaquén o que mellor lle acae.
Para o Michael hoxe foi unha bestiña trepadora, e nela montou seguindo o colega -que tamén anda de vagares vacacionais- e mais un señor de barba gris que goberna besta maior.
O día é de verán, logo da chuvia: cantan os grilos e os paxaros, fulxe o millo cos soles da tarde e todas as froitas tentan ser algo: figos, pexegos, mazás… Mesmo as amoras.
Pena que Michael teña que estar de volta en Londres antes de poder gozar tamañas tentacións, que só alcanzan ben os xinetes de pé nos estribos.
O paseo entre bosques mestos é unha aventura, e o señor maior -que ás veces consulta co Iago o camiño- resulta un tipo curioso, que xa estivo na Inglaterra moitas veces; e noutros sitios tamén.
Por iso, no máis denso dunha carballeira, Michael atrévese a facerlle as preguntas: ¿cómo se di en francés “es bonita”? ¿e “queres bailar comigo”?
Obtén resposta, e proba unha e outra vez; practica as frases aos berros mentres cabalga. Os seus acompañantes rompen en gargalladas.
Pero Michael teima no exercicio; porque ela tamén andará polos doce anos, e é de xente da aldea -só que emigrantes na outra banda do canal da Mancha…
Os encontros lindos sempre acontecen no verán.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/07/2000]

Share

Deixar unha resposta