Matrimonios (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/07/2000)

Nos tempos que alá van, a solución máis doada para contraer matrimonio en España era facelo “pola igrexa”, o cal implicaba presentar papeis como a partida de bautismo.
O asunto podíase logo complicar grandemente en caso de que un dos noivos non a tivese, ou que a tivese de relixión diferente, xa fose tan próxima á católica coma a ortodoxa ou a anglicana.
O segundo caso era o da miña moza, polo que nos vimos nunha sucesión de trámites segundo os cales ela renunciaba á súa condición de herexe para entrar no seo do catolicismo e educar os fillos na obediencia a Roma.
Por fin, casamos, na capela da Virxe das Peras de Pontedeume, e botounos as beizóns un cura amigo mentres amigos gaiteiros enchían de música a celebración…
Hai pouco xuntámonos -a muller e eu- cuns amigos, católica ela e xudeu el, que soamente casaron diante do xuíz. E, ao falarmos de matrimonios “interrelixiosos”, contaron algo kafkiano, e franquista, porque aconteceu no 73:
Naquel ano da ascensión de Carrero Blanco aos ceos, andaban eles a facer papeladas en calquera oficina xudicial de Madrid. O funcionario copiaba nun formulario o que vía dos seus papeis de casamento, realizado moi lonxe, nas Américas que percorreron os misioneiros coa cruz e o pendón de Castela.
Cando se decataron, no espacio correspondente ao tipo de matrimonio, xa tecleara “CANÓNICO”.
Debeu ser -aseguran os beneficiarios do despiste- porque casaran no partido de Exaltación de la Cruz, e na poboación de Capilla del Señor.
Nada máis canónico para facelo polo civil.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/07/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*