Para nada (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/07/2000)

25 de xullo do 2000: todos galeguistas por un día.
25 de xullo: no que vai de ano xa arderon 100.000 hectáreas; xa morreron 10.000 vellos que pensaban en galego e naceron 5.000 nenos aos que pais e avós negan a lingua patrimonial; xa emigraron 1.000 titulados superiores a Madrid, e 1.000 obreiros a Canarias; xa se celebraron 250 festas parroquiais sen que os cregos pronunciasen unha palabra en galego.
25 de xullo, a 25 anos da agonía do franquismo: despois de que Alfonso Rivas se convertese legalmente en Afonso Ribas, os concienciados seguen sen dar exemplo: Blanco non pasa a Branco, Puente a Ponte, Otero a Outeiro, Montero a Monteiro… e nada de conciencia chega aos Seijo, Queijo, Giadanes, Galiñanes, Dorrio, Dávila
25 de xullo, fin das rebaixas: El Corte Inglés pon letreiros con castelanismo (“si” por “se”) pero non fala galego: aí finda a súa boa vontade. Os colonizadores masivos negan para todo a lingua indíxena. Os creadores de galeguidade en moda quixeran falar inglés, e algún oculta un eufónico apelido galego tras de algo que soa mal no italiano que imita.
25 de xullo, despois de 20 anos de autonomización o dial da radio demostra que non estamos en Galicia: Butanito, Luis del Olmo, Ana Torroja, Miguel Bosé… Todo é cadea foránea. E alá, nos altos de San Marcos da CRTVG, sen novidade: castrapo a micro aberto, madrileñata agalegado fóra de micro.
Palabras de filósofo orteguiano: “El nacionalismo catalán sirve para unir un pueblo; el vasco, para dividirlo; el gallego, para nada”.
Para nada.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/07/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*