Caixanova (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/07/2000)

Coñecín a Xosé Posada hai moito, e compartimos ilusións; e viaxes; e encontros con personaxes inesquecibles, como, por exemplo, Ernesto Guerra da Cal.
Compartimos, tamén, maneiras de ver o mundo e actitudes fronte aos fenómenos culturais. Distáncianos a súa teima contra os espléndidos viños arxentinos. Máis nada.
Sendo Xosé presidente de Caixa Ourense, cumprín cun deber de amigo: pactei coa miña muller un divorcio económico: ela movería cartos na Caixa Galicia e eu na do Giuseppe Paussatta (heterónimo para funcións de secretario da Irmandade dos Vinhos Galegos).
De Caixa Galicia só recibín bos tratos como titular de conta compartida; e a miña “perpetua” está contentísima co trato que lle daba a caixa provincial ourensá, na que ela tamén compartía fondos familiares.
Nada terei que dicir da cordialidade de Méndez, de Carreras ou de Fernández Gaioso, que me encargou unha guía coruñesa -ou de Pego, que é de Ferrol aínda que ande por Vigo.
A todos, parabéns; aos da caixa “vella” nacida de fusións, e aos de Caixanova, que naceu do mesmo xeito. Para familias coma a miña aconteceu o mellor: abriuse unha posibilidade de competiren dúas entidades coa ollada en Galicia, superando os condicionamentos locais, e provinciais -todos eles, perigosos.
Gañaremos coa competencia…
E valla un comentario sobre o nome da caixa que acaba de nacer:
Caixanova vale para Galicia e Portugal, pero tamén para Cataluña, Valencia e Baleares.
Foi sorte, logo, que os galegos se adiantasen aos demais na escolla do que soa ben para tantos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/07/2000]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*