Coellos (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/07/2000)

De veras anima ver nun ambiente de tecnoloxía avanzada algo tan enxebre coma o nome da patria menor de Murguía. En todas as batas —aparentemente brancas, pero tocadas de fina cuadrícula escura— repítese ARTEIXO en letra grande. As batas son de material conductivo; o chan é conductivo; os operarios traballan cunha toma de terra no pulso.
Porque os microcompoñentes electrónicos sofren coas descargas de electricidade estática, sendo carísimos; e máis ca iso: dificilísimos de conseguir.
Ese é un dos problemas de Arteixo Telecom, a grande esquecida —para as boas novas— entre as poucas empresas fabricantes de equipamento de telecomunicación en Galicia.
Os compoñentes son coma o petróleo, unha materia prima que se produce nuns cantos lugares do mundo. Habelos, hainos, pero non dabondo cando vivimos a explosión da telefonía móbil.
Outra das dificultades da empresa é a historia que vén recollendo, a súa transición desde centro de producción, sen autonomía, dunha multinacional a fábrica de productos con deseño e comercialización propios.
Significativo producto desta comunidade fabril é o que xunta un radioteléfono a un localizador vía satélite: vai para os taxistas, e contra os cacos; pero pode ter outras aplicacións…
Arteixo Telecom merece ser atendida e entendida; sen esquecermos a retranca do seu director, Rafael Valcarce:
Advirte o visitante de que a fábrica está gardada por unha lexión de coellos.
Certo. No mato que a rodea vense os gardiáns orelludos, dispostos a escorrentaren raposos e lobos de dúas patas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/07/2000]

Share