Pilotos (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/07/2000)

Os pilotos dos avións herdaron prerrogativas dos capitáns dos barcos: a bordo poden dar normas, e xulgar a quen manden cumprilas.
Iso vén ao fío do comentado onte nesta columna acerca dun pasaxeiro que protestaba pola prohibición de uso dos teléfonos móbiles dentro das aeronaves, mesmo en terra.
Se o argumento utilizado por unha azafata consistía en que os móbiles borran a memoria dos ordenadores (cando un móbil leva un microprocesador e as radiacións da súa antena nada lle borran), habería que coñecer as razóns dos pilotos ao respecto.
Poida que as aeromozas non reciban nocións dabondo sobre electromagnetismo, pero hanas recibir os responsables de voar con seguranza –tan dependente dos sistemas de telecomunicación.
¿Interfiren os sinais das conversas telefónicas os correspondentes ás comunicacións específicas dos avións?
Custa crelo, porque o espectro radioeléctrico é un “ben escaso” e o uso de frecuencias concédese aos servicios con moito tento.
Alén diso, seica estudios e probas a penas admiten a posibilidade de que certos terminais telefónicos defectuosos teñan algunha interacción co equipamento de axuda á aterraxe.
Por pecadores, pagarían xustos…
Hai tempo publicou a revista TIME un artigo que nunca foi contestado: argumentábase nel que os teléfonos móbiles a bordo dos avións só causan problemas no voo, porque desde as alturas “ven” demasiadas estacións de radio das compañías explotadoras do servicio móbil terrestre.
Accedendo a tantas, poden facer tolear o sistema (alleo á aviación).

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/07/2000]

Share