Pé de páxina (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/07/2000)

Último día en Barcelona. Desde a cabina, os traductores verten todo o catalán e o inglés ao castelán, e ao contrario. Montan un espectáculo de mímica.
Xesticulan. Hai unha moza que debía ser gravada: parecería que estivese a vivir canto muda de rexistro lingüístico: qué mans, qué ollos, qué boca.
Mesmo imita as gracias dos traducidos. Cando un dos sabios americanos fala da web do cemiterio das empresas “punto-com”, ela rompe nunha gargallada.
Os demais tamén rimos, porque só a libérrima sociedade ianqui se pode permitir o luxo de anunciar mortes de empresas…
Un dos traductores dime que se me nota o acento galego, “hasta hablando en inglés”. Dígolle que é de tanto oír o Paco Vázquez e rimos dabondo…
Despedida nos altos da cidade, altamente burgueses. Cea nun “restaurant del barri”, o Mediterráneo vertido na mesa. O viño, sen embargo, da Rioxa.
Por anfitrións, grandes personaxes: a dama, literaria; o cabaleiro, arquitecto. Mais andan os roles cambiados, porque se descobre que ela decide en literatura o que el recomenda ou rexeita; e ela opina moito de edificios, de máquinas e programas para deseño gráfico en Arquitectura.
O arquitecto fai disección de artistas do libro nesta España desviada. Como sabe de navegar, toca nos rumbos de Pérez-Reverte. Sendo profesor universitario, dá definición da última obra do cartaxeneiro navegante: “A menos mala dos seus intentos de tese, que el chama novelas”.
A cea remata en paseo. O paseo, discutindo sobre o dereito do novelista a pór notas a pé de páxina.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/07/2000]

Share