Aparición (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/07/2000)

Buenos Aires, xuño pasado, entrando no inverno austral. Preguntei por un amigo, Adolfo Lozano. Dixéronme que estaba en España. Quedei con pena de que, cando el volvese á Arxentina, eu xa estivese na Coruña.
Pasado un mes, estou en Barcelona, no verano mediterráneo, encerrado nun centro tecnolóxico, oíndo nove horas seguidas de discusións en inglés e catalán.
Hoxe acabei moi canso, confuso polo cambio de idiomas, e decidín dar unha volta por onde van os que se deixan levar: desde a Praza de Cataluña ramblas abaixo.
Na praza vin caer a noite ollando grupos de inmigrantes da China, das Filipinas, de Paquistán, Marrocos, Senegal…. Falaban entre paquetóns envoltos en plástico branco, onde quizais garden as súas pertenzas.
Se cadra algo pampo polo choio e abraiado polo espectáculo dos que foxen da miseria, non entendín a imaxe que captaban os meus ollos: no medio do rebumbio, Adolfo Lozano sorría para min…
Non o dabamos crido. Logo da aperta acompañamos o río dos paseantes cara ao mar. Adolfo insistía en que hai “trasgos galegos”, e contou o que lle acababa de pasar nas terras da súa mai.
Ía el por Taramundi ao volante dun coche e, xusto ao parar, un velliño preguntoulle se era arxentino, e de que familia viña sendo.
Ao responder que era “do Xastre de Cereixido”, o ancián pediulle que saíse a apertalo porque eran parentes de bautismo.
Segundo saía Adolfo para facelo, o señoriño, emocionado, roído polas lembranzas, exclamou:
“¡Cuspido polo teu avó!”
Foi a primeira vez en pouco tempo que Adolfo facía de aparición.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/07/2000]

Share