Aprendices (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/07/2000)

Fin de xornada. Chegou o Antonio, que vén da súa vila-dormitorio (vinte minutos de viaxe), con convite para vermos a Ciutat Vella. El é de aquí, e os seus pais de fóra; aquí se criou e foi casar con moza filla de emigrantes. De Barcelona é a súa nenez, que lembra con cheiros de peixe frito na praia.
Agora todo mudou. As pedras antigas das rúas estreitas e reviradas aloxan modenidades. “Ya no hay bares cutres”, lamenta o guía nocturno; e morre de saudades por un local en que se vendía “leche de pantera”.
A praza maior da cidade, desde a que se ollan Generalitat e Ajuntament, non ten nada de grandioso, principalmente se o turista por España a quere comparar co Obradoiro de Santiago. Pero arredor dela concéntrase moito mando.
Deses edificios saen as ideas para que a capital de Cataluña sexa unha cidade das grandes do mundo. O Antonio olla para eles con certa xenreira, porque acabaron coa lindura do vello, porque neles se decidiu a transformación do seu cosmos infantil e decadente.
“Todo esto –indica viñerías, cervexerías e restaurantes– está en manos de extranjeros”…
Ceamos nunha casa típica, aínda que remozada. O Mediterráneo ofrece ensalada saborosa e peixe sapo pequeniño. A carta está escrita só en catalán; un camareiro só fala o idioma da terra; outro, castelán: porque é do Ecuador.
Despois, máis paseo polas rúas que transitan xentes de alleas falas. Por toda parte, reconstrucción. Repítese o letreiro: “Falta aprenent”:
Necesítanse aprendices. Barcelona sabe como conservar o vello: dando vida nova.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/07/2000]

Share