Mobilidade (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/07/2000)

Poucas cousas hai tan tristes coma un cuarto de hotel respectable e silencioso. Nada mellor para avaliar a soidade dunha persoa libre.
Nun cuarto de calquera hotel de Barcelona, escribo. E fágoo nunha máquina das que se poden chamar portátiles sen eufemismo, porque pesa menos ca un libro: non chega ao quilo e medio.
Nesta pequenez concéntrase unha potencia superior á das máquinas da xuventude ida, as que nos deixaban abraiados polo tamaño: becerros de ouro ocultos en templos secretos chamados centros de cálculo, aos que só podían acceder sacerdotes da nova relixión informática.
Pero o avance da técnica non acaba na redución, senón que continúa por medio de conectores e cabos.
Un deses adminículos conduce á conexión telefónica do cuarto. Desconéctase o teléfono propiedade do hotel e o ordenador queda disposto para se introducir na rede de redes, logo de lle programar o necesario: cero para liña exterior, pausa, número de acceso a servidor…
Ese método de conexión ten o inconveniente do cargo adicional do hotel, que se pode evitar por outra saída da maquiniña.
Por esta conéctase ao teléfono móbil, que accede polo aire á rede que nos leva á Internet. Non hai alfándega hoteleira. Todo funciona a prezo axustado.
A nota a voapluma que ten o lector á vista chegará á redacción do xornal polo segundo método, que dá independencia total ao viaxeiro por Europa: con portátil e móbil pode ser “cibernauta” desde un triste cuarto de hotel ou desde o máis alegre dos xardíns da nosa telemática civilización.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/07/2000]

Share