Sometidas (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/07/2000)

A carnalidade amorosa, os fillos de solteira, a ampliación da familia con avós (“padriños”) a coidaren dos fillos “espurios” das fillas… levou a solemnes casteláns e amouriscados andaluces a falaren mal das galegas -mulleres, por outra parte, ben acollidas para amas de leite e amantes.
Pasados séculos e aínda en tempos de nacional-catolicismo, todas as españolas, desde Sevilla a Xixón, e desde Badaxoz a Valencia, metéronse na teima da liberación sexual. En Madrid, “rompeolas de las Españas”, as residentas dos colexios maiores pregoaban a vacina contra a virxindade, “causa de cancro”.
Fronte ao dito brutal de “la mujer, la pata quebrada y en casa”, as nosas compañeiras de xeración procuraron facernos menos difícil a cousa e, despois -como a vida á así- viñeron arranxos e desarranxos, e matrimonios firmes en base á confianza total…
Sorprende por tanto o que está a acontecer en Arteixo, seica. Ao parecer, o exalcalde falou dunha comunidade de marroquís que tratan as súas mulleres galegas daquela maneira. Ou sexa, peor cós andaluces as súas no entender do galego.
Fixéronlle críticas, aínda que calasen o principal: o amor é forza que toda barreira vence, pero que unha moza nova se someta a un home que non lle deixe levar roupa xeitosa nin saír soa e -suponse- que lle faga tomar baño na praia con túnica…
¡Puf! Se a cousa prolifera teremos que admitir que os maridos de alén do Estreito van conseguir coa súa moral estreitísima o que non conseguiron os cregos das santas misións franquistas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/07/2000]

Share