Incontinencia (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/07/2000)

Compostela ten ritmos de verán: desapareceron os estudiantes, que camiñan un pouco aos saltos, entre gritos e acenos. Agora hai peregrinos da estiaxe, pousóns no camiñar, recatados na expresión.
Pero os edificios seguen nos seus lugares e os indíxenas do Impaís saben a onde ir.
Este día, logo dos traballos que traen a nómina, xuntouse un grupo de profesores con mandato de transmitiren a toda Galicia aquilo que sintetizaba Xerardo García Campos, enxeñeiro e empresario: “O noso tamén é cultura”.
No Consello da Cultura Galega, nunha sala que deixa ver turistas na terraza do Hostal e conselleiros a entrar e saír dun restaurante moi literario na Rúa das Carretas, tratouse de como difundir ciencia e tecnoloxía nunha sociedade que aínda se empeña en ter fillos doutores en cousas de Letras mentres demanda os beneficios da aplicación das Ciencias ao cotián.
Falouse gravemente; pero tamén en ton de chanza. E oíuse unha anécdota que paga a pena reproducir:
Certo catedrático eminentísimo padece o mesmo mal que o Fidel Castro: incontinencia verbal. De xeito que as súas conferencias, na vez de sínteses de tanto saber, son discursos demoledores para o oínte.
Pero hai un sistema de acabar co martirio:
O sabio, de falar, ten sede, e bebe canta auga lle poñen no atril.
Daquela, pide que lle renoven o subministro.
Cando llo trae o bedel, o conferenciante, moi educado, dá as gracias.
Ese é o momento de que o público prorrompa en aplausos posto en pé.
Como non se trata de música, ninguén pide o bis, e a función remata.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/07/2000]

Share