Desde Rusia polo Imperio

O próximo 12 de outubro poderase conmemorar o LXXV aniversario da entrada en combate da División Azul co Exército Vermello. Curiosamente, o ataque ruso comezou no «Día de la Raza», ou do Pilar, cando esa advocación mariana xa tiña rango de Capitá Xeneral e soldo correspondente.

Aquela aventura tivo moitas explicacións, contou con moito entusiasmo. Por primeira vez desde a Guerra da Independencia un corpo do Exército español ía enfrontar un exército regular estranxeiro. Mais alén dos oficiais da División, que foran facer carreira, había moitos fascistas entre os alistados. Proba diso son as letras das cancións coas que ían á morte (e ao campo de concentración en Siberia). Unha, titulada Desde Rusia, chama a atención, e debeu causar alarma en Lisboa pois di: «Solo esperamos la orden / que nos dé nuestro General, / para borrar la frontera / de España con Portugal. Y cuando eso consigamos, / alegres podremos estar, / porque habremos logrado / hacer una España imperial».

Non é para estrañarse logo que, mentres os divisionarios azuis berraban esas intencións franquistas, o embaixador de Portugal en Berlín tratase con Von Ribbentrop do «desmembramento» (sic) de España. No plan luso-xermano, Cataluña e o País Vasco serían repúblicas independentes. Galicia pasaría a completar o mapa portugués.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 14/09/2016.]

Share