O Tesouro do Monte

O ano 2016 vai ficar na historia de Galicia como o do verán sen fin. Non se acorda seca tan longa, tanto sol e tanto medo aos incendiarios que aproveitan o nordés. Con todo, hai unha zona do Impaís que non arde: unhas 400.000 hectáreas do eucaliptal mindoniense. ¿Por que? Arguméntase que o nordés mete brétemas no cordal cantábrico e que de alí ás terras miñotas o mercurio avanza 20 graos en días de estiaxe. Aínda así hai máis explicacións sobre a diferenza entre o Impaís Sempre Verde e o Impaís Tiñoso, manchado de queimaduras.

Ramón Reimunde Noreña, fidalgo de Foz, ía para enxeñeiro naval, derivou a capitán da mariña mercante, ollou florestas por todo o mundo, fíxose catedrático de Lingua e Literatura Galegas, recalou na Mariña lucense e seguiu unha tradición familiar: a silvicultura. Hoxe é activísimo membro da Asociación de Produtores de Madeira de Galicia, e da Academia Galega da Língua Portuguesa. Seguindo a norma lingüística desa academia, escribiu O Tesouro do Monte, libro de obrigada lectura para quen queira loitar pola beleza máis produtiva de Galicia. Nel, o profesor Reimunde mestura notas para novelar unha saga de silvicultores con ideas prácticas para acabar co desleixo que os incendiarios aproveitan. Oxalá que tanta sabedoría teña segundas partes, literarias e técnicas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 31/08/2016.]

Share