Avós (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/07/2000)

Os clubs son organizacións ás que pertencen persoas por razóns exclusivas. Por ese xeito de ser, non sempre é bo entrar nas súas sedes: alí todo o mundo se coñece e a “espionaxe industrial” é doada…
Días atrás, membros do club financeiro da Coruña puideron ver a quen subscribe falando cun coñecido avogado, home de proxección empresarial.
Era durante o cocktail final da xornada de presentación de algo revolucionario na xestión telemática das empresas: un fornecedor de aplicacións, volta ao pasado dos grandes centros de cálculo, pero con axuda dos “datagramas”.
Quen nos vise podería pensar: “Eses andan a facer negocio”. Negocio de cartos, enténdese.
Pero estabamos a latricar dun negocio que só da satisfaccións.
O meu amigo dirixiuse a min en función da experiencia que me supón, a de avó. Ten unha filla en estado de boa esperanza e quería saber que se sente cando un colle no colo o primeiro neto.
Conteille o que se pode contar, pero non todo, porque nin a máis poderosa das poéticas mentes sería capaz de suxerir o sentimento.
Dixo el temer o ridículo, que ve facer os amigos cando contan as marabillas dos cativos que levan os seus apelidos, e eu recomendeille unha certa distancia, compostura de varón adusto, petrucio serio que a penas intervén para dar normas para educación de quen algún día formará parte da forza laboral que manteña a nosa ancianidade.
Tamén lle pasei recomendación doutro da nosa quinta: que os pequenos nos chamen “padriño”, porque “avó” lembra que xa estamos na conta atrás da vida.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/07/2000]

Share