Vexetarianos (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/07/2000)

Hai pouco, unha moza inglesa falaba na radio enxebramente, expresándose con xeito admirable nese idioma que los gallegos non dan aprendido (seica por difícil e por non ter nada con eles nin cos seus apelidos).
Contaba como deixara de ser vexetariana. Nunha noite de troula, logo de escoitar música “celta” e darlle ao viño, os esmorgantes compañeiros convidárona ao pan da mañá nun forno.
Pero no establecemento, sobre os do pan, mandaban recendos gloriosos de xamón asado e, por algún milagre que ela non lembra ben, viuse a fincar o dente no prohibido. “E moito me soubo”, confesaba.
Ela, que tiña prexuízos contra a carne, adquiridos do contacto con amigos indús, ao chegar á terra San Porquiño protexido por San Antón, tiraba dos callos o que lles dá nome, e da fabada canto cheirase a posible compango.
Mais desde a madrugada da revelación pasou a practicar novas técnicas alimentares. E está feliz…
Nos Estados Unidos, en terras de vaca, entrecosto e costeleta, teñen un dito: “O home é animal que camiña e come carne”.
Non están errados, porque somos bípedos e cun anaco de tasallo aguantamos leguas. A carne é enerxía concentrada: coa mesma cantidade de legumes logo esfamea a xente.
Pero a verdade é que nin o un nin o outro, senón a combinación: imaxine o lector —por exemplo— un bo prato de cabrito con patacas e chícharos, sen lle facer noxo a unha morea de arroz.
Debemos ser máis ben omnívoros; ou alomenos —quen o tenta dubidar— podemos disfrutar con todo.
Iso que din da dieta equilibrada é un atávico invento.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/07/2000]

Share