Jaime Velho (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/07/2000)

Máis ortografía. A conversa transcorre á vista espléndida, fulxente, da ría de Ferrol. Hai un problema ortográfico en inglés e ao pouco xorden ortografías en galego, portugués e castelán. Ou sexa: trátase das linguas de uso frecuente para o noso recanto atlántico, universalista.
¿Por que se ha de escribir avogado con uve e non con be? ¿Por qué móbil con be e non con uve? ¿Por que se fan esas diferencias gráficas en idiomas próximos?
Sinxelamente porque cada un ten as súas normas; que unhas veces obedecen a capricho, e outras non.
Os gramáticos portugueses do século dezaseis xa advertían que os galegos (entre os que contaban os seus paisanos do norte) non facían diferencia fonética entre bos, adxetivo, e vós, pronome: fenómeno común á fala castelá.
Pero a preguiza para distinguir un son do outro non quere dicir que se vaia esquecer o latín, pai común de todos os nosos idiomas. Ollando as orixes, vese que o correcto en castelán sería, como en galego, avogado (de advocatus) e móbil (de mobilis).
Como o propio en portugués sería pobo, (de populus) e non povo; ou polbo (de polypus) e non polvo.
A fin da conversa vén co nome do rexedor da cidade departamental. O seu apelido está escrito de oído. Bello debe ser Vello (ou Velho en caso de integración gráfica co portugués).
Hai días un avogado falaba en ton de chanza de “el Bello Jaime”. Pobres coñecementos lingüísticos os seus porque, en todo caso, sería “el Viejo Jaime”.
Item máis: aténdonos á grafía histórica, Jaime é correcto, pronunciado como Xaime.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/07/2000]

Share