Lavacolla (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/07/2000)

The Bible in Spain é un libro divertidísimo, recomendable para lectura de verán. No seu paseo por Galicia, o autor, George Borrow, trata con sorna os habitantes da wildest province of Spain, sinalando as envexas entre os de Corunna e Saint James of Compostella, Pontevedra e Vigo.
Logo de cento setenta anos da visita do vendedor de biblias, parecería que as cousas non tivesen mudado: velaí a falta de visión global de coruñeses e composteláns, pontevedreses e vigueses.
Agora trátase dos aeroportos, que non podería ter soñado Borrow –quen viaxou da Coruña a Santiago en día e medio–. En recentes declaracións, un señor, probablemente veciño da cidade herculina pero non galego nin galeguista, viña dicindo que sobran instalacións aeroportuarias, e que cómpre pechar unha, precisamente a que seica apoian as administracións central e autonómica.
Iso é visión. Sen dúbida:
Cando se tarda da Coruña a Santiago media hora, e tres cuartos desde Vigo, cómpre pechar Lavacolla na vez de ampliar e pór ao día o aeroporto central de Galicia, con todos os sistemas de apoio a navegación e aterraxe que permiten as tecnoloxías da comunicación e a información.
Di o declarante que, de seguiren así as cousas, será o aeroporto da capital do Norte portugués o que leve todo o tráfico.
Probablemente, porque Porto é a capital de facto da nova eurorrexión.
De feito, botando contas, o que cumpría era pechar Alvedro e Peinador. Lavacolla sería alternativa a Matosinhos, único aeroporto con trazas de intercontinental nesta esquina ibérica.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/07/2000]

Share