Teta (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/07/2000)

Día gris e branca conversa. Chuvia a xeito de orballo, e leite. Fálase do leite, de robots para muxir, de automatización de procesos…
Pouco a pouco vaise coñecendo o drama que acompaña as vacas e as vaquerías: Galicia morre por dentro, desde o núcleo.
O negocio do leite debería ser familiar, de traballo da casa. As leiteiras non se lle deben entregar “a un colombiano, ou a un deses que veñen dos países do Leste”. As vacas antes durmían embaixo da alcoba. Porque son un ben, de familia.
Mais a crise está servida: “Os que teñen cota, ou non teñen fillos, ou os teñen estudiados ou enviciados”. Por iso andan a vender a tal da cota. “Canta máis teñan, mellor”. Na aldea non fica ninguén. Polos montes e as corredoiras vagan espectros dos ausentes.
O campo galego non ten salvación: “España non pensa en nós porque o noso non é como o do resto”. Impaís bretemoso, nórdico, Galicia sofre polos intereses dunha maioría de terras mediterráneas.
A Unión Europea marca a fin. Galicia pide eutanasia. Pobo outrora fértil, decidiu non ter fillos. Morrer…
Con todo, fica o humor. Discútese o nome dun queixo, “de teta” ou de “tetilla”. O primeiro foi o de sempre, o segundo é “cousa de carcas e madrileños. Aos carcas teta parécelles groso. Montaron as do demo por culpa da portada dunha revista” (foto de moza, seo e queixo en paralelo). E un señor de Madrid clasificou os productos da queixería “regional”.
Chove. Alguén lembra que “tetilla” en galego é “tetiña”.
Para facer o ridículo, ¿por quen non facelo en enxebre?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/07/2000]

Share